Saturday 04 de May de 2024

A Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia conmemora o seu 30 aniversario cun concerto especial


Será este domingo 31 de marzo ás 20.00 horas no Palacio da Ópera, con entradas xa á venda en ataquilla.com

A Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia conmemorará o seu 30 aniversario cun gran concerto especial, en homenaxe ás tres décadas de educación musical. A Orquestra Xove naceu como proxecto educativo no 1994 da man do Concello da Coruña, a través do Consorcio para a Promoción da Música, co obxectivo de dar formación a rapaces e rapazas de toda Galicia en música clásica.

O concerto será este domingo 31 de marzo ás 20.00 horas no Palacio da Ópera. Baixo a batuta de José Miguel Pérez-Sierra, a Orquestra Xove da Sinfónica interpretarán varias pezas do alemán Richard Strauss, compositor clásico de referencia no século XX. As ‘Catro últimas cancións’ e ‘Así falou Zaratustra’ son as composicións escollidas e coas que a Orquestra Xove porá como melodía aos seus primeiros trinta anos de traballo. Ademais, contarán coa voz da soprano Miren Urbieta-Vega.

As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com, cun prezo xeral de 10 euros máis gastos de xestión. Co obxectivo de fomentar a escoita da música clásica entre as xeracións mozas, de acordo coa propia filosofía do Consorcio para a Promoción da Música, as entradas para menores de 18 anos teñen un prezo reducido de 2 euros máis gastos de xestión.